lunes, 30 de septiembre de 2013

OS NOVOS TEXTOS

Quero que valoremos a valentía de Carlos e Iria por deixarnos entrar no seu universo persoal, tamén quero que lles deamos as grazas pola súa sinceridade.




EU SON...

Eu son alegre, moi sincero, teño a calidade de ser xusto, simpático e ás veces un pouco sentimental. Por desgraza son cabezudo en ocasións, obstinado, cabreadizo, orgulloso e pesado. Non obstante iso é compensado pola miña responsabilidade e a miña incapacidade de dicir mentiras. Son moi fiel cos meus amigos, e sempre estou aí para axudalos e para que conten comigo. Emociónome fácilmente coas cousas fermosas e abraiantes, pero tamén son un pouco nervioso, tanto que podo cambalearme no sofá mesmo cando vexo a tele. Teño dificultades de relación porque sempre sospeito que os meus amigos cando me toman o pelo, fano intencionadamente para fastidiarme, e por iso sempre ando un pouco solitario. Se tivese parella eu nunca a deixaría, porque significaría moito para min. 

Carlos Rodríguez Jiménez



ASÍ SON EU

Son unha persoa alegre, atenta e comprensiva. Gústame o baile e tamén a pintura, xa que levo indo a clases sete anos. Dáseme ben escribir, aínda que non o fago moi a miúdo. De pequena era bastante desordenada e algo vaga, pero cos anos fun cambiando. Eu creo que o meu peor defecto é que son moi calada, pero estou intentando cambiar.
Eu son unha persoa coma calquera outra, con virtudes e defectos que intenta cambiar e mellorar ata converterse na persoa que quere ser.

Iria Vázquez Arcos



DRAGAL

É unha novela de adolescentes e dragóns que está a ter moito éxito. É unha historia que ten detrás a historia de Galicia. Escrita por unha xornalista, Elena Gallego, para intentar que o seu fillo se animase a ler. A escritora ten que ver con Verín xa que se criou aquí.


Leremos o libro tratando de entender a historia, mergullándonos nela e traballando o léxico que non coñezamos.

Estes días que estiven lendo o libro, lembrei outro dragón ou monstro que vos ensinarei. Forma parte da novela gráfica Emigrantes, veremos como o interpretades.

viernes, 6 de septiembre de 2013

OS PEQUENOS XIGANTES (poesía de Esther Estévez)


         
 Ananos grandes nun mundo de grandes diminutos

Nun mundo onde todos din a verdade
viven ananos enormes
e ti, xigante,
quixeches fuxir de alí moito antes.
Quixeches fuxir da inocencia e dos castelos
buscando a dona “Madureza”
e mira ti por onde
que xogando ao escondite cos soños
fuches dar co peor dos pesadelos.
Inventaches a máquina do tempo,
viaxaches ao futuro no pasado,
diminuíches en lugar de medrar,
benvido ao mundo dos grandes ananos!
Aquí as ilusións non existen,
xa es adulto”, diranche;
ignóraos, pequeno,
rebélate, ri, imaxina e crea,
só así manterás vivo
o teu pequeno xigante.


Quero que comecemos o curso cunha poesía que escribiu Esther (alumna 4º ESO) e que conseguiu un premio no último certame de poesía  ''Xosé Carlos Caneiro''. Por un erro non se publicou na revista ''Faíscas'' e para min é un agasallo que textos coma este estean no noso blog. Cando lin a poesía emocioneime porque sei que é verdadeira e sinto a evolución e a madureza de Esther nela. É un exemplo que me anima a vivir esperta e a ser valente. Moitísimas grazas, Esther!!!