sábado, 30 de enero de 2016

CLUB DE LECTURA

CLUB DE LECTURA, HOMENAXE A NEIRA VILAS






O pasado mércores tivemos unha sesión especial do club de lectura na que o protagonista foi, principalmente, o recentemente finado Neira Vilas. Por suposto, lemos algúns fragmentos das "Memorias dun neno labrego", mais tamén poemas (algúns deles con música) do libro "Cantarolas" e pinceladas de "Romaría de historias"


Ademais, Cristina Salgado, de 2º Bacharelato C, compartiu connosco unha fermosísima edición do "Principiño" e a nosa ex-alumna Irene Romero, grande amante da música, descubriunos o abraiante grupo Sumrrá.

Mil grazas.


http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d30591766k8116223o1l1/club-de-lectura-neira-vilas

martes, 19 de enero de 2016

NEIRA VILAS, MEMORIAS DUN NENO LABREGO

Un clásico da nosa literatura escrito por Xosé Neira Vilas. Durante anos foi case o único texto de iniciación á lectura en galego antes de que a lingua estivese recoñecida nos plans de estudo (1979-80). É o relato galego máis lido de tódolos tempos. Foi traducido a moitos idiomas.

Esta é a historia de Balbino, "un rapaz da aldea", "un ninguén", que vive nunha aldea galega de hai 60 anos. Un neno moi pobre que escribe nun caderno o que cavila para fuxir dun medio mísero e abafante. É unha especie de neno intelectual, cavilador e preguntón.

Atópase neste relato a paisaxe moral e social dos anos trinta e corenta onde  Balbino  percibe con claridade a limitación da súa vida.


 


Enlace a unha noticia do xornal.

Cándido Pazó representou esta historia.

Entrevista con Neira Vilas.

Biografía de Neira Vilas.

jueves, 14 de enero de 2016

ROMARÍA DE HISTORIAS, NEIRA VILAS

'' Neste novo libro vai unha imaxe colectiva do noso mundo aldeán, dabondo descoñecido; unha visión panorámica dese mundo. Na narración latexan, rebolen, gurgullan personaxes e aconteceres das aldeas galegas ao longo de moitos anos. Son as aldeas e as xentes de onte e de hoxe'' Xosé Neira Vilas



Esta é a derradeira novela do escritor, na que volve ao mundo rural de onde procedemos. Unha novela feita con retrincos de vidas e vivencias da xente.Aquí temos un enlace coa radio galega na que se fai alusión a esta obra. Aquí un enlace coa Voz de Galicia.

martes, 12 de enero de 2016

CANTAROLAS DE ANISIA E NEIRA VILAS

Queremos facer unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro lendo o seu penúltimo libro publicado. Os primeiros doce poemas cos que empeza o libro son da autoría de Anisia Miranda e os vinte restantes de Xosé Neira Vilas. Teñen moitos aspectos en común, especialmente o contorno en que se moven e mesmo algúns tratamentos formais. Son poemas de estruturas moi sinxelas, relacionados directamente na súa forma coa literatura popular e cheos de ritmo e musicalidade; descritivos ás veces e intimistas outros, amosan o grande amor á terra dos autores e son quen de toca-las cordas máis sensibles dos lectores e das lectoras. Salienta de xeito especial a constante presenza do medio natural do noso país, relacionando os seus elementos, especialmente no caso dos poemas de Neira Vilas, con asuntos de fondo contido social, como a igualdade, a liberdade, a emigración, o traballo, etc. Discorren polos poemas do libro animais como a ra, o cabalo, os grilos, as bolboretas ou a xoaniña; e outros elementos da natureza como o río, a chuvia, o sol, o carreiro, os espantallos ou as árbores. Descríbense, cun léxico moi rico e preciso, intensas sensacións que son lamentablemente alleas en xeral ós rapaces e rapazas do medio máis urbano.

 

Aquí podemos ver algunhas páxinas. Nós na clase lemos estes poemas cheos de expresividade que nos levan á vida rural, á natureza de noso. Dividido en dúas partes, a primeira é a creación de Anisia e a segunda a de Neira Vilas. En ambas as partes gozamos coa poesía infantil que nos transporta á recreación da ledicia e dos xogos. Ilustramos algún dos poemas. Atopamos agochado o contido social deles o que espertou o noso interese. Algúns dos poemas están musicados. Podemos escoitalos aquí.