domingo, 24 de abril de 2016

CLUB DE LECTURA, DESPEDIDA DE CRIS

Cris despediuse de nós, con estas palabras: “Eu non me quero despedir. Como lle vou dicir adeus ao que me dá vida? Non, non vou condenar ao recordo o meu alimento para almas. Négome a construír o esquecemento coas lembranzas que fan que o sangue se pare un intre no meu interior sen que ninguén se decate. Preciso seguir respirando a calor dos poemas, empapándome dunha canción que revoluciona calquera mente que sinta co corazón. Non podo mirar atrás e que os meus ollos se enchan de bágoas ao botar de menos os vosos. Non quero lembralo, quero vivilo. Vivirvos a vós, ás futuras promesas que pisan forte e fondo, aos que xa non están pero que seguen axitando o mundo coas súas ideas. Quero sentir o silencio do impacto cando a beleza nos colle por sorpresa, cando os aplausos marcan o ritmo do corazón. Quero escoitar e aprender do que ninguén fala, do que realmente importa, do que todos formamos. Quero preocuparme do que algúns chaman “a nada” e viaxar polo mundo coas vosas voces, esas que teñen un alento que poderían volver facer lume das cinsas. Quero querer sen necesitalo, ser libre querendo, querer ser libre e liberar a quen quero. Quero ser unha folla máis e quentarme co voso sol que busca estrelas constantemente. Quero, quero, quero… e, en resumo, quérovos.”

domingo, 10 de abril de 2016