miércoles, 22 de enero de 2014

Con Lucía, premiada polo seu relato "O dos ollos bonitos"

AQUÍ tedes fotografías da última sesión do club de lectura, no que escoitamos o relato "O dos ollos bonitos", co que Lucía Díaz Nicolino, de 1º Bacharelato A, gañou o primeiro premio no concurso Ciencia que conta. Parabéns!!!!!!!

Tamén podedes escoitar unha charla que tivemos con Lucía o pasado mércores, 22 de xaneiro.

domingo, 12 de enero de 2014

TODOS SOMOS, MARCOS CALVEIRO

Chega este último libro de Marcos Calveiro tras a recente inclusión da súa última proposta,Palabras de auga, premio Merlín 2012 de literatura infantil, nas Listas de Honra do IBBY: un colectivo internacional de asociacións e persoas unidas polo fomento da lectura entre a mocidade e a infancia. Esa escolla confirma, quen o dubida, o excelente momento creativo do autor e a envexable saúde da nosa literatura xuvenil.
       Todos somos, nesta ocasión, ao internarse tematicamente na desaparición dunha adolescente nunha cidade galega, doadamente recoñecible como Vigo, parece virar cara ás estremas do relato policial, e elementos hai que parecen asociala ao xénero como a sólida aparición dunha investigadora chamada Lina Souto (todo un achado que ben podería dar máis de si en futuras entregas), pero aos poucos a tonalidade da novela vai mudando para afondar, por un lado, no tratamento informativo que algúns medios de comunicación adoitan realizar de sucesos deste calibre e, por outro, para esculcar no concepto de culpabilidade e nas reaccións sociais –tantas veces tinxidas de xenreira e violencia- que tantas veces se van convertendo nunha bóla de neve, sen esquecer a complicidade que se pode xerar entre persoas ben distintas en situacións límite.
         Como é común na narrativa de Calveiro,  a voz narrativa  sitúanos nun contexto, expón os feitos, dálle vida aos personaxes e as conclusións tíraas quen se achegue ao seu libro… E  todas son, ao meu ver, ben propicias para vermos como é o noso tempo.
Esta dobre recensión publicouse o 14 de setembro de 2013 nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, baixo o título de «Páxinas para provocar o desacougo».

Esperemos que vos guste!!!!


jueves, 9 de enero de 2014

O RÍO DE PALABRAS

Conseguimos facer o proxecto que dende hai tempo queriamos. Os vosos textos e ilustracións están aí percorrendo o instituto. A vosa creatividade debe ser o mellor neste novo ano. Desexo darvos as grazas pola vosa implicación.
As palabras de Cristina e Sara son as que mellor explican esta iniciativa.
Aquí podemos ver as fotos do traballo.